A problemática dunha escolarización en galego

Despois duns días de parón debido ás ultimas gravacións que estivemos a facer volvemos á actividade do blogue.
Desta vez ofrecémosvos uns minutos da entrevista que lle fixemos a Pepe Cabido quen nos falou como viviu a súa infancia en galego e como, agora, vive a infancia das súas crianzas. Como pai, e uníndose a moitas familias galegas, está preocupado pola falta de posibilidades para escolarizar ás súas crianzas no noso idioma. Na medida que a súa filla e o seu fillo foron medrando e comezaron a súa educación reglada encontrouse como ían perdendo o galego. A escolarización das súas criaturas na etapa de infantil comezou a relegar á lingua galega a unha posición desfavorecida en favor ao castelán e inglés, provocando unha perda do idioma nos diferentes rexistros e incluso no máis próximo: o familiar.
Pepe foi escolarizado en castelán dado que viviu na etapa final do franquismo e comezos da democracia. Agora, a súa filla e o seu fillo tamén son escolarizados en castelán, e aínda que non vivimos nunha ditadura, ponse de manifesto a imposibilidade de moitas familias de escolarizar ás súas crianzas na lingua do país.

Con todo, a entrevista a Pepe levounos tamén por outros camiños. Cóntanos unha anécdota moi curiosa que reflexa como o discurso dunha suposta “imposición do galego” foi calando na sociedade. Un discurso que se asumiu sen a máis mínima crítica e que lle está a facer moito dano á nosa sensibilidade pola lingua galega como cidadás de Galicia.

Esta entrada foi publicada en A memoria da lingua, Documentais. Ligazón permanente.

Deixar un comentario